Saturday 27 de April de 2024

Primeiro Encontro Empresas-Concellos que organiza a Deputación


A intención da institución provincial é crear un punto de encontro entre as entidades locais e as empresas da contorna, co fin de que estas poidan presentar as súas ofertas ou os servizos que poden interesar aos concellos

Máis de setenta firmas participarán no primeiro Encontro Empresas-Concellos que organizará a semana próxima a Deputación da Coruña en Expocoruña.

A feira abrirá o mércores 26 ás 10 da mañá e así estará ata o venres día 28 ás 14 horas. Durante as tres xornadas, haberá tempo para que as empresas presenten os seus produtos e para que os asistentes tomen parte en mesas redondos e encontros de traballo sobre asuntos como o turismo industrial ou a compra pública innovadora.

O obxectivo desta feira “pioneira” en Galicia pasa por facilitar que os 93 municipios da provincia poidan coñecer os servizos existentes no mercado e as novidades que poñen á súa disposición diferentes empresas especializadas en diversos sectores, que a través deste foro poderán presentar aos concellos os seus produtos e servizos.

O encontro está pensado sobre todo para os concellos con menos de 20.000 habitantes, que son os que menos opcións teñen de coñecer as novidades que ofrece o mercado para o sector público. Desde a Deputación tense animado a todos os responsables municipais a achegarse ao encontro, xa que así poderán coñecer como mellorar os servizos públicos para os seus veciños a través de técnicas innovadoras.

Das firmas que formalizaron a súa inscrición, hai representación de todos os sectores, tales como formación, consultaría e xestión; servizos sociais e asistencias; enerxía e medio ambiente; turismo, ocio e cultura; e transportes; novas tecnoloxías e innovación e todo o relacionado co medio rural, como pode ser a agricultura, a pesca, a caza, as podas, as talas ou os desbroces…

Ademais dos stands que se instalarán no recinto feiral, de libre acceso para todos os que o desexen, as xornadas completaranse cun networking, mesas redondas e un calendario de presentacións para as empresas que estean interesadas en presentar un produto concreto.